As veces na excitada pero imperturbable fraga da lírica unha árbore cae, e como formula o enigma: se non ai ninguén preto para confirmalo, fai ruído?
Francisco Cortegoso naceu en Pontevedra no agosto de 1985. Fíxose filólogo en lingua galega; escribiu poesía e con trinta e un anos morrería, moi cedo. Foi un cinco de outubro de 2016, data no que o seu libro de poemas titulado Suicidas chegaba ás librerías, cando este mozo deixaba unha obra intensa e breve como o ronsel da lumarada que xurde na boca dun dragón.
Como autor, Fran dirixe os seus pasos cara unha reflexión xurdida da mestura entre a necesidade da expresión, a lectura meditada e o máis inefable impulso da lírica orixinal. O destemido carácter da xuventude fai dos seus versos atrevidas composicións que logran adquirir o ton profesional que require o esforzo de ser vate. Un autor que consegue ser novo mediante o traballo, debedor de autores e da formación adquirida, e que o leva a ser unha voz autorizada no mundo da poesía galega. Porque se ben este mundo lírico cada vez atópase máis poboado –e ben vido sexa– resulta máis complicado toparse con traballos xurdidos non só da imprescindible experiencia persoal, senón tamén da disciplina e o tempo que formar un poema require. Porque si se pode chegar a crear un poema de calidade nun pequeno tempo, case nun impulso, tamén se precisa da intuición, da práctica, do compoñer e modelar, e claro está do talento. Todo iso Fran posúeo.
Comezou a súa andaina literaria publicando en revistas; un primeiro título chega con Ningún Home dentro da revista Galicia Hoxe; trátase dun conxunto de poemas onde se albisca ao autor que conforma a Cortegoso: versos curtos cunha expresión fonda non sempre fácil de comprender. Titula tres dos poemas co nome de Derrida, sendo a referencia a outros autores influentes outra das características da súa obra. En 2014 Espiral Maior edítalle o libro Memorial e Danza polo que obtivo o premio Pérez Parallé. O seu derradeiro poemario foi o citado Suicidas, editado por Chan da pólvora en 2016. Este libro audaz de intención e estilo rochoso amósanos a un Fran que busca a súa linguaxe e danos profesionalmente as súas posibilidades como autor. Escríbeo entre os vinte e vinte e cinco anos de idade, dálle forma e lánzao ao lector; resultaría ser un epílogo irónico da propia vida do autor onde os nomes de diferentes poetas e figuras literarias percorren as liñas versificadas que Fran nos ofrece; poetas suicidas e reflexións pesadas pola violencia. De novo as composicións breves con expresión curta e profunda; na súa forma orixinal de compoñer Fran Cortegoso móstrase como un autor serio e de certa solemnidade.
A súa obra tamén se pode atopar en obras colectivas e diferentes publicacións. Un poemario titulado Carta ao poeta español permanece inédito a pesar de que algunha composición xa fora publicada na revista Grial. Cómpre reunir a súa obra e editala con estudos por parte dos expertos e sobre todo cómpre dar a coñecelo ao profano e ao poeta aficionado, que poida admirar a froita madura dunha árbore nova. Porque Fran Cortegoso é unha árbore caída da fraga da lírica que fai un ruído afastado e constante no seu caer. O malfadado poeta pontevedrés entra na nómina doutros xoves autores de indubidable talento e influencia –aí temos ao noso Amado Carballo– aos que a morte invita pronto a súa mesa, tal vez para gustar da súa conversa.
Un dos grandes: Gerardo Diego é autor dun belido poema titulado «En mitad de un verso» que me fai recordar a Fran ao que nunca cheguei a coñecer en persoa pero ao que admiro xa como un autor perenne.
EN MITAD DE UN VERSO
Murió en mitad de un verso,
cantándole, floreciéndole,
y quedó el verso abierto, disponible
para la eternidad,
mecido por la brisa,
la brisa que jamás concluye,
verso sin terminar, poeta eterno.
Quién se muriera así
al aire de una silaba.
Y al conocer esa muerte de poeta,
recordé otra de mis oraciones
«Quiero vivir, morir, siempre cantando
y no quiero saber por qué ni cuándo.»
Sí, en el seno del verso,
que le concluya y me concluya Dios.
(De Cementerio civil)
Para saber máis:
– CORTEGOSO. FRAN (2013[2008]). “Ningún home”. Galicia Hoxe. “Revista das Letras”: 739 (2/10/18), pp.1-8. Reedición en poesiagalega.org. Arquivo de poéticas contemporáneas na cultura, [en líña], [citado el 11-10-2017], dispoñible en http://www.poesiagalega.org/arquivo/ficha/f/2595
– CORTEGOSO, F.: Memorial e danza, Espiral Maior, 2013.
– CORTEGOSO, F.: Suicidas, Chan da pólvora 2016.
https://es.wikipedia.org/wiki/Francisco_Cortegoso
https://gl.wikipedia.org/wiki/Fran_Cortegoso
MATEO FONTAN COUTO
Historiador e arqueólogo.