O Entroido de 1876 supuxo en Pontevedra un fito nas celebracións que se viñan dando ata entón. Foron un grupo de intelectuais da nosa cidade os encargados de incorporaren un novo festexo baseado na lenda do Urco. Entre estes estaban: Renato Ulloa, Rogelio Lois, Federico Guisasola, Demetrio Durán ou Prudencio Piñeiro; pero foi o poeta Andrés Muruais (1851-1882) o que acaudillou a iniciativa, aínda que tamén o seu irmán Jesús Muruais (1852-1903) tivo moito que ver na implantación dun novo Entroido, revolucionario e moderno. Os Muruais forman parte de moitas das páxinas da historia contemporánea de Pontevedra.
Durante datas anteriores prepararon o ambiente facendo correr noticias das trasnadas que o monstro Urco estaba a realizar na cidade, instalando o temor na poboación. Andrés Muruais aproveitou unha intempestiva noite para saír polas rúas de Pontevedra ataviado con peles e unha careta de animal, arrastrando cadeas e dando estrondosas voces e ouveos. No tan pontevedrés barrio da Moureira foi onde se asociou a este personaxe, encarnado por Andrés, co Urco, acrecentándose desta maneira o mito urdido polos artistas. Aos poucos días, produciuse unha gran representación do desembarco do Rei Urco na cidade do Lérez que sería antesala doutras, duraron dende o domingo 27 de febreiro ata o mércores 1 de marzo. Quedaba instaurada así a nova festa para o Carnaval pontevedrés.
As parodias que se levaron a cabo durante as representacións foron recollidas no texto Reinado y muerte del Urco, cunha crónica preliminar firmada por Larfin Farafullán: «Cronista de mi poderoso señor Urco». A trama argumental tecida viña a contar a historia de que Urco, deixando de lado a súa caracterización no folclore galego coma monstro ou demo de mal augurio, era un poderoso rei que fora expulsado da cidade á cal chegaría Teucro, mítico fundador de Pontevedra, para defendela xunto aos seus homes do regreso de Urco. As representacións producidas na cidade viñan a relatar o resto da historia: Teucro, seguindo unha argucia, recibe ao Rei Urco con honras e festexos e aos tres días este morre envelenado. O fillo de Urco, chamado Urquín, tratará de vingar ao seu pai declarando a guerra. Durante o domingo de carnaval as rúas de Pontevedra convertéronse no escenario desa guerra. Mesmo se chegou a recrear na Praza da Ferrería –e por iniciativa de Federico Guiasasola– un castelo, fortaleza de Teucro, con foso, almenas e ata ponte levadizo para resistir o asedio de Urquín. A cidade enteira participou nestas xornadas tal e como nolo relata Prudencio Landín na súa afamada obra De mi viejo carnet. O certo é que a diversión e algarabía mesturouse coa teatralidade, a música, Xogos Florais e outras pegadas artísticas.
Este tipo de feitos dan testemuño do carácter da sociedade pontevedresa daquela época, onde á profusa nómina de intelectuais de gran valía e actividade uníase o entusiasmo dunha cidadanía involucrada nas celebracións e iniciativas, sobre todo aquelas que podían reflectir o senlleiro humor e retranca que a cidade zumegaba. Na actualidade o Rei Urco segue a estar presente no Carnaval de Pontevedra aínda que con menor intensidade que nos tempos desta historia.
Para saber máis:
– DURÁN, J. A.: Historia e lenda dos Muruais: do folletin posromántico ó andel modernista,
Deputación Provincial de Pontevedra / (Xunta de Galicia) Dirección Xeral de Promoción
Cultural, Pontevedra, 2004.
– FUENTES ALENDE, X.: «El Carnaval de 1876 en Pontevedra», en Coñeces o teu?, (8/03/2011),
[en líña], [citado o 16-2-2015], en www.museo.depo.es– LANDÍN TOBÍO, P.: De mi viejo carnet, 2ª edición, Pontevedra, 1984, pp.95-98.
– ROZAS DOMÍNGUEZ, R.: Libro de Oro del Carnaval de Pontevedra, El Diario de Pontevedra,
Pontevedra, 2005, pp.16-42.
– http://hermanosmuruais.blogspot.es (neste blog facilítase a lectura da obra Reinado y muerte del Urco, ademais de ofrecer outros títulos bibliográficos).
MATEO FONTAN COUTO
Historiador e arqueólogo.