Prepararse para partir

Foto: Mateo Fontán Couto

(El texto está escrito en gallego, se respeta el idioma de origen)

Desde setembro de 2018 un novo número viu a luz dentro da colección Coñecer Santiago, cidade educadora. Trátase dunha moi interesante guía didáctica que leva por título: O cemiterio compostelán de Boisaca e o patrimonio funerario. Non obstante, o contido do libro supera en moito a promesa do título xa que se trata dun  conciso percorrido polas manifestacións funerarias ao longo do tempo en Galicia.

A obra está editada polo Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e coordinada por Carmen María Sánchez Arines. Esta guía coral reflicte unha gran capacidade expositiva e de divulgación nos seus diferentes textos. A maioría dos autores e autoras participantes están vinculados á universidade compostelá, e todos debuxan con claridade o que se sabe sobre os enterramentos no pasado. Son nove artigos, máis anexos, pensados para ser traballados nos colexios da cidade; ademais o libro estivo complementado cunha serie de visitas guiadas polo cemiterio municipal de Boisaca.

Patricia Mañana-Borrazas encárgase de iniciar a viaxe falando sobre os enterramentos megalíticos durante o Neolítico. Unha época, entre o V e o III milenio antes da nosa era, onde se comeza a edificar por primeira vez no noso territorio grandes tumbas. É o tempo da mámoa –cámara arrodeada por un túmulo–, denominada de varias outras maneiras: dolmen, medorra, megálito, modia, anta, arca… e que salpica en alto número a xeografía galega, sobre todo nas serras, zonas de paso, portos…, preto dos recursos importantes e resaltando no paisaxe. Foron construídas e usadas entre o 4.500 a.C. e o 2.800-2.500 a.C. con diferente significación no tempo. Hainas de distintos tamaños, sendo violadas a inmensa maioría. No corredor que antecede á cámara mortuoria podemos topar con ofrendas como ferramentas líticas ou cacharros cerámicos, tamén antes do corredor poden aparecer idoliños gardando a cámara. Algunhas destas sepulturas conservan gravados ou pinturas xeométricas e abstractas. A maioría dos enterramentos eran de uso colectivo e na súa construción e rituais participaban varios grupos. Xa que logo, os restos destas monumentais construcións fálannos dalgunha das actitudes cara a morte fai 6.000 anos.

Un dos grandes enigmas da nosa prehistoria consiste en saber onde se enterraban aos mortos do noroeste peninsular durante a Idade do Ferro. Ao contrario que en tempos aínda máis afastados –onde se podería dicir que as pegadas da morte son máis visibles cas da vida– neste período apenas posuímos evidencias arqueolóxicas á hora de poder constatar os hábitos funerarios. Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez trata de alumear este escuro panorama cun relato que inicia na Idade do Bronce, co uso a partir do 2.500 a.C. de cistas e foxas como novas formas de enterramento tanto de inhumación como de incineración, xunto as xa practicadas nas mámoas e nas covas. Ante a práctica inexistencia de referencias clásicas, o autor toca xacementos, achados e teorías que poidan achegarnos a unha mellor comprensión dos enterramentos neste momento.

Para época romana contamos principalmente con dous elementos á hora de entender a morte: as necrópoles e as estelas. A partires desta premisa Ana María Suárez Piñeiro repasa xacementos e os tipos de tumbas que se usaban cos escasos enxovais depositados nelas. A exhumación e a incineración son as formas de enterramento dos defuntos nas necrópoles, as cales sempre se sitúan fora da cidade. As estelas funerarias proporcionan valiosa información acerca da actitude cara a morte do momento; as formas, a iconografía e as inscricións son aspectos que os estudosos encárganse de analizar para así poder ofrecer unha visión o máis completa posible dos rituais funerarios na Gallaecia romana.

A profesora Marta Cendón Fernández resposta a varios interrogantes no capítulo dedicado á morte na Idade Media: as actitudes ante a morte, os lugares en que se dispoñen as sepulturas, tipos de sepulcros, a quen se encargan e cales son os máis representativos. Así, nestas páxinas achegámonos a ideas tales como o desexo da xente, a partires do século V, de enterrase o máis preto posible das reliquias de santos ou no interior das igrexas; os mortos pasan a compartir o espazo cos vivos. A documentación conservada, como os testamentos, procuran detalles que nos ilustran sobre aspectos e sobre a preocupación que a derradeira viaxe comportaba. O lugar onde descansar era unha destas preocupacións e pode falarnos sobre gustos e diferenzas sociais. Con respecto aos tipos de sepulturas topámonos con laudas de estola, lousas sepulcrais ou sepulcros que poden ser de lucelo ou exentos. Galicia posúe fermosos exemplos de arte funeraria medieval, por citar algún paradigmático: o sepulcro de Fernán Pérez de Andrade na igrexa de San Francisco de Betanzos.

Foto: Mateo Fontán Couto

O  especialista en Historia Moderna Domingo L. González Lopo encárgase de expoñer como vai evolucionando o lugar de sepultura escollido pola poboación, e como estas sepulturas son reflexo do status social. A igrexa e as capelas privadas son os sitios escollidos pola xente máis adiñeirada, creando espazos xerárquicos dentro do templo. Por outra banda os cemiterios rurais e urbanos son usados polos estamentos máis pobres. Desde a segunda metade do século XVIII os hábitos mudarán como consecuencia dunha maior preocupación pola hixiene; isto provocará a prohibición de enterrar dentro dos templos e a diferenza entre o espazo dos mortos e o dos vivos.

Os enterramentos en Compostela ao longo da historia” é o título do capítulo escrito por Andrés Seoane Antelo onde fai un repaso polos diferentes camposantos  desde os máis primitivos antes da descuberta do sepulcro do apóstolo, pasando por aqueles articulados pola catedral e demais templos. Tamén aqueles dentro e aqueles outros fora dos muros da cidade, os públicos ou os de carácter  privado… A lista pasa por: A Quintana, San Domingos de Bonabal, o da Trindade, o parroquial de Sar, o da Pastoriza, o da Confraría do Rosario, o da Venerable Orde Terceira, o de San Miguel dos Agros e outros, ata chegar ao de Boisaca.

A análise do cemiterio municipal de Boisaca corre a cargo da coordinadora da obra: Carmen María Sánchez Arines. Toca aspectos tales como os antecedentes; o paso do camposanto de Bonabal ao de Boisaca; o proxecto; a estrutura ou os artistas, artesáns e talleres que elaboraron as mostras de arte funeraria que atesoura este cemiterio.

Foto: Mateo Fontán Couto

Sobre o cemiterio de Boisaca como símbolo de memoria e lugar onde rastrexar o horror da represión durante a Guerra Civil da conta Rafael García Ferreira. Hoxe en día, un monumento dedicado as vítimas da represión franquista actúa como testemuño das negras páxinas que alí se escribiron en forma de execucións e aldraxes. Así mesmo, o cemiterio é escenario de homenaxes ás vítimas soterradas neste e aos personaxes senlleiros da nosa cultura.

O derradeiro capítulo está dedicado aos cemiterios e o mundo funerario na literatura e no cine galegos. A autoría destas páxinas está compartida por Miguel Anxo Fernández e Eduardo Galán Blanco. Clásicos como Un ollo de vidro de Castelao ou o Señorito da Reboraina de Otero Pedrayo e obras máis recentes como Un nicho para Marilyn de Miguel Anxo Fernández ou Esmeraldiña , a pequena defunta de Ledicia Costas, entre outros, demostran o  recorrente do tema nas nosas letras. No cine exemplos onde cemiterios e mortos cobran protagonismo atopámolos en títulos como El bosque animado de José Luís Cuerda, na adaptación da novela de Wenceslao Fernández Flórez, Os mortos van ás presas de Angel de la Cruz ou en 13 badaladas de Xavier Villaverde, por citar algúns filmes.

Tres anexos conclúen o libro: un composto pola listaxe das vítimas por execución en Boisaca; un plano coas sepulturas e localizacións de interese do cemiterio e un mapa de recintos funerarios e cemiterios de Santiago de Compostela.

 

Comparte!!!

Relacionados