O Concello de Pontevedra tramita máis de 2.000 alegacións individuais e colectivas dos afectados pola A-57 en Marcón e Xeve

A medianoite de hoxe remata o prazo para a presentación de alegacións polo trazado da A-57 entre A Ermida (Marcón) e Pilarteiros (Santo André de Xeve). Durante todos estes días o Rexistro Municipal canalizou a presentación de máis de 2.000 alegacións ante o Ministerio de Fomento. Foron, en concreto, 1.247 alegacións individualizadas e máis de 900 colectivas.

Cabe lembrar que o Concello de Pontevedra mantivo un compromiso cos afectados polos trazados desta infraestrutura, axudándolles a canalizar as alegacións a través do Rexistro Municipal e destinalas ao Ministerio de Fomento. Para iso destinou unha liña de entrada do Rexistro Xeral só para presentar as alegacións.

Informe de arquitectura

Por outro lado, a Xunta de Goberno aprobou esta mañá o informe elaborado polo servizo de Arquitectura do Concello sobre o proxecto de trazados proposto polo Ministerio de Fomento para a A-57.

Se a pasada semana era o servizo de Enxeñería o que se remitía aos informes que tiña emitido en 2005, agora elabora informe do departamento de Arquitectura que fai constar a presenza de elementos patrimoniais no trazado como hórreos, cruceiros…; e tamén repara nas afectacións urbanísticas que quedarán parellas aos bens lindeiros coa infraestrutura, polas repercusións que poidan ter nas propiedades privadas.

Este informe aprobado pola Xunta de Goberno, terá que ser ratificado no Pleno municipal.

Comparte!!!

Relacionados