Unha nova ferramenta de topografía permitirá axilizar a tramitación de expedientes técnicos e de urbanismo. Pontevedra

O Concello de Pontevedra dispón dende hai unhas semanas dunha nova ferramenta de topografía que permitirá avanzar e axilizar na tramitación da oficina urbanística e técnica, e adaptalas ás novas tecnoloxías.

A través do uso da tecnoloxía Mobile Mapping, a empresa especializada Geograma, fixo un fotografado e escaneado de todo o viario municipal. Escanearon case 700 quilómetros de vías, obtiveron 170.000 imaxes de 360o e máis de 4.000 millóns de puntos 3D medidos con precisión topográfica.

O vehículo Mobile Mapping estaba dotado de sensores de posicionamento, cámaras de fotos e escaner 3D, recolleu nun mes todos os datos necesarios para confeccionar un Street View profesional. Fíxose durante o verán e dende primeiros de ano a oficina técnica xa dispón da ferramenta que evita desprazamentos, mellora a xestión municipal e maximiza a seguridade no traballo.

Con esta ferramenta poderase:

  • Mellorar a xestión dos activos municipais situados nas rúas, realizando o inventario de mobiliario ou auditando os xa existentes.
  • Realizar inspeccións en calquera recuncho da cidade, sen ter que acudir ao lugar.
  • Comprobar a calidade da cartografía municipal, a súa actualización e a súa precisión.
  • Medir calquera tipo de acotación ou distancia, como poden ser alturas das cornisas ou farois, anchos de muros, superficies de fachadas, gálibos de catenarias ou pontes.

Nestes momentos está ao alcance de todos os servizos urbanísticos e técnicos municipais para mellorar o seu traballo diario en licenzas e inspeccións, arquitectura e planeamento, medio ambiente e enxeñería, rehabilitación, cartografía ou topografía, pero é intención da responsable de Urbanismo, Anabel Gulías, manter encontros cos colexios profesionais para presentarlles a ferramenta e ver de poñela a disposición dos veciños, ou cando menos, dos profesionais técnicos.

 

Comparte!!!

Relacionados